Este é un lorcho fedorento, dos que non teñen escamas (os lorchos escamentos son os gobios).Forma parte dunha familia moi ben representada en Galicia, con polo menos dez especies. Esta é unha das mais frecuentes.
Recoñécese porque ten unhas bandas escuras (6 ou 7) no corpo, e tentáculos nas fendeduras nasais e sobre os ollos. Son de cor marrón escura ou acastañada, e na época da reproducción ( primavera) vólvense, os machos, un pouco mais achocolatados.
Viven a pouca profundidade (ata os 20 ou 30 metros), e os xuvenis pódense atopar nas pozas da marea baixa. Son omnívoros: normalmente comen pequenos invertebrados, pero tamén petiscan nas algas.
Na época de reproducción, o macho busca un burato ou unha fendiña. Alí van as fémias e depositan os ovos, que son fertilizados e custodiados polo macho ata a eclosión.
O P. gattorugine diferénciase ben de case todos os blenios, excepto de un: o Parablennius ruber. Ata fai pouco tempo de feito considerábanse a mesma especie (un era unha variación cromática do outro) pero a finais do século pasado confirmáronse como dúas especies diferentes. A identificación "in situ" pode non ser fácil, xa que o comportamento e a morfoloxía son moi similares. As diferencias están na liña lateral e na forma dos tentáculos supraorbitais ( os que están por riba dos ollos), aína que pode ser mais útil saber que o P. ruber, como o seu nome indica, presenta unha coloración muito mais roxiza.
O P. gattorugine é un peixe que vive dende o norte de Europa ata Marrocos na costa Atlántica, e tamén no Mediterráneo. Non está nas Azores nen Madeira (onde é sustituído polo P. ruber).
1 comentario:
Atopei a horna do meu zapato
Hola David.. pois iso que acabo de maravillarme co teu blog porque eu andaba en algo parecido
o meu http://fotosubgalego.blogspot.com/
Son un principiante no dos blog e a pesca pero levo facendo apnea e pesca sub dende ben cativo.. asi que agora ensino as fotos os amigos para que vexan as maravillas.. empecei co tema das especies con sgobios tamen por iso pareceme fantastica a tua recopilacion
Noraboa
Publicar un comentario